Tuesday 21 de May de 2024

A Pobra pon en marcha un novo servizo no ámbito educativo


Fomenta-la educación da infancia a través de actividades preventivas e formativas que promovan o exercicio da maternidade e paternidade positivas. Esta é a base sobre a cal se asenta Espazos en Centros Educativos, un servizo de atención socioeducativa que impulsa a Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy en seis colexios da localidade: nas unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia, no E.E.I. Fernández Varela, no CEP Salustiano Rey Eiras e no CEP Pilar Maestú Sierra. Precisamente, este último foi o lugar escollido para a presentación desta iniciativa por parte da concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG); Olaia González, en representación da dita asociación; e a educadora familiar do Concello, Lidia Martínez.

Este nova ferramenta de balde comezará na próxima semana. Constitúe un lugar e un tempo de encontro para a formación cunha psicóloga para dar resposta a necesidades e inquedanzas detectadas polo persoal educativo dos centros de ensinanza: habilidades sociais, habilidades de comunicación, educación non sexista, educación en valores, normas e límites, educación emocional, resolución de conflitos e redes sociais.

Está dirixida a alumnado da educación infantil e primaria, así como ás súas familias e profesorado. Nas accións traballarase semanalmente durante o curso lectivo en grupo, aínda que tamén se realizarán intervencións individuais coas familias e crianzas que o precisen.